26/12/2025
Quintela de Leirado acolle unha exposición adicada a Xosé Velo Mosquera e á súa vinculación con Guinea Ecuatorial
O Concello de Quintela de Leirado inaugura unha exposición adicada á figura de Xosé Velo Mosquera, intelectual, activista político e referente do galeguismo histórico, cuxa traxectoria vital e política mantén unha estreita relación con Guinea Ecuatorial, daquela coñecida como Fernando Poo.
A mostra percorre a vida e o pensamento de Xosé Velo, poñendo especial atención no seu compromiso político, cultural e social, así como na súa etapa de exilio, un período clave para comprender tanto a súa evolución ideolóxica como a dimensión internacional do galeguismo histórico. Neste contexto, a exposición destaca a súa presenza en Fernando Poo, territorio que acolleu a numerosos galegos emigrantes e exiliados ao longo do século XX.
A estancia de Xosé Velo en Guinea Ecuatorial inscríbese nun momento histórico marcado pola represión franquista, no que Fernando Poo funcionou tamen como lugar de destino para persoas perseguidas polas súas ideas políticas. Este feito resulta fundamental para entender o papel da illa como espazo de acollida do exilio galego e como punto de encontro entre Galicia e África, xerando vínculos humanos, culturais e económicos de gran relevancia histórica. Tamen ten importancia xa que Fernando Poo era un posible destino do trasatlántico "Santa Maria", secuestrado polo noso protagonista para poñer o foco internacional nas duas dictaduras da península iberica.
A través de documentos, paneis explicativos e material gráfico, a exposición pretende recuperar a memoria dun personaxe da historia contemporánea galega e da nosa comarca, ao tempo que pon en valor a importancia de Guinea Ecuatorial na historia da emigración e do exilio galego, unha realidade estreitamente ligada á identidade e á memoria colectiva de Quintela de Leirado.
Con esta iniciativa, o Concello de Quintela de Leirado reafirma o seu compromiso coa recuperación da memoria histórica, a divulgación cultural e a posta en valor dos lazos históricos entre Galicia e Guinea Ecuatorial, en consonancia coa labor de preservación e difusión do patrimonio migratorio que se desenvolve no municipio.